Familias acolledoras

Compartir

A Declaración dos Dereitos do Neno aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989 recoñece no seu preámbulo que o neno, para o pleno e harmonioso desenvolvemento da súa personalidade, debe crecer no seo dunha familia, nun ambiente de felicidade, amor e comprensión

Desgraciadamente en Galicia, como no resto dos países do mundo, hai nenos e nenas que viven en condicións difíciles. 

Grazas á colaboración de moitas familias do seu contorno ou totalmente alleas a eles, poden crecer co apoio e seguridade necesarios, a través do acollemento familiar. Doutro xeito, moitos deles probablemente pasarían os seus días nun centro, ás veces, ata a maioría de idade. 

O acollemento familiar convértese así nun recurso esencial, que debe ser potenciado polos poderes públicos. 

Neste sentido, a modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia levada a cabo polo lexislador estatal no ano 2015, pon especial énfase na regulación do acollemento familiar co fundamento de que o menor necesita un ambiente familiar para un adecuado desenvolvemento da súa personalidade. 

Así, se simplifica a constitución do acollemento familiar, suprimindo a necesidade de contar co consentimento dos proxenitores do menor; introdúcese a necesidade da valoración da adecuación dos acolledores; regúlase o estatuto do acolledor familiar, etc. Pero sobre todo se potencia esta figura, establecendo a súa prioridade sobre o acollemento residencial para calquera menor e especialmente para os menores de 6 anos. Así mesmo se determina que non se pode acordar o acollemento residencial para menores de 3 anos, agás supostos de imposibilidade de adoptar nese momento a medida de acollemento familiar ou cando este non conveña ao seu interese.

Parte das modificacións introducidas pola normativa estatal xa se recollían na normativa galega, e a este respecto a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia, recoñece as familias acolledoras como familias de especial consideración por estimar que merecen unha protección especial e un trato preferente nos ámbitos educativo e formativo, da vivenda, do ocio, tempo libre e cultura, das novas tecnoloxías, do transporte público e tributario.

Que é o acollemento familiar?

O acollemento familiar é un acto solidario realizado a favor dun menor e a súa familia que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.

É unha medida de protección para nenos e nenas que non poden ou non é conveniente que vivan cos seus pais. 

Mediante o acollemento, o neno ou nena pasa a convivir cunha familia distinta á súa, integrándose plenamente na vida familiar. A familia acolledora debe coidar ao menor, telo na súa compañía, educalo, e velar porque as súas necesidades estean atendidas.

Que nenos poden ser acollidos?

Menores de entre 0 e 18 anos que temporalmente non poden ser atendidos pola súa propia familia e que, polo tanto, queda baixo a garda da Administración. 

Legalmente, a súa situación pode ser: 

  • menor declarado en desamparo e tutelado pola Xunta de Galicia, cando se comproba que non está a recibir os necesarios coidados por parte da as persoas legalmente obrigadas a facelo. 
  • menor baixo a garda da Administración por solicitude dos pais, que temporalmente non poden facerse cargo del (por exemplo, durante un período de hospitalización, ingreso en prisión, etc.) ou por decisión xudicial. 
  • menor en situación de risco, que continúa vivindo coa súa familia habitualmente pero é acollido por outra familia durante determinados momentos ou períodos (só durante o día, só as fins de semana ou vacacións...), complementando deste xeito a atención prestada polos pais.

As características destes nenos e nenas poden ser moi variadas: poden ser nenos ou nenas que acaban de nacer e que serán moi pronto recollidos en adopción, menores que se reintegrarán ao seu núcleo familiar pasado un tempo, adolescentes que estarán en acollemento ata a súa maioría de idade, nenos e nenas sans ou con enfermidades ou discapacidade, nenos e nenas sos ou soas ou grupos de irmáns e irmás...

Quen pode ser familia acolledora?

En moitos casos estes nenos e nenas son acollidos por persoas do seu propio entorno familiar (avós, tíos…). Nestes casos, falamos de acollementos en familia extensa

Outras veces, cando os nenos e nenas non teñen ningún parente que poida facerse cargo deles cunhas mínimas garantías de cubrir as súas necesidades, acódese a familias que voluntariamente se ofrecen a acollelos no seu fogar. Falamos entón de acollementos en familia allea

Calquera persoa, independentemente da súa idade, sexo, estado civil ou posición socio-económica que queira acoller a un neno, nena ou adolescente pode solicitar ser acolledora dun ou varios nenos ou nenas.

A única esixencia é poder ofrecerlles temporalmente un fogar. Para garantir que as familias que o desexan poden prestarlle aos nenos e nenas os coidados que precisan, os técnicos da Consellería de Política Social ou ben da Cruz Vermella, que colabora coa consellería na execución deste programa, entrevistan ás familias interesadas e valoran se son axeitadas para afrontar as distintas implicacións do acollemento. 

As persoas interesadas poden dirixirse ás Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social ou ben aos servizos sociais do seu concello, ou, se se trata de familias alleas, directamente á Cruz Vermella, onde lles informarán das condicións e documentación que deben presentar.

Hai que subliñar que todos os membros da unidade familiar deberán aceptar voluntariamente o acollemento e a relación coa familia do ou da menor.

Aspectos clave no acollemento familiar

A TEMPORALIDADE 

O acollemento familiar é unha medida temporal, aínda que a súa duración pode ser moi diversa: poden durar desde uns días ou semanas (acollementos de urxencia mentres se valora a situación da ou do menor) ata varios anos, prolongándose ata a maioría de idade (cando non é posible que o menor volte coa súa familia de orixe pero non quere ou non pode ser adoptado).

Todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada, en función das necesidades e do problema que motivou a súa formalización. O acollemento durará o tempo que sexa necesario, ata a consecución e a resolución da situación familiar do neno ou nena. 

DIFERENCIA COA ADOPCIÓN

Non deben confundirse acollemento e adopción.

No acollemento familiar, mantéñense os vínculos de parentesco do ou da menor cos seus pais biolóxicos, considerándose unha medida de protección temporal. 

A adopción, por contra, si extingue os vínculos de parentesco do neno, nena ou adolescente  cos seus pais biolóxicos, e pasa a formar parte definitivamente dunha nova familia creándose unha nova relación de filiación.

Polo tanto, non deberán orientarse ao acollemento a aqueles que desexen satisfacer a etapa biolóxica de querer ser pai ou nai. O acollemento é unha acción solidaria, para axudar a un neno, nena ou adolescente a medrar e educarse nunha familia.

RELACIÓNS DO MENOR COA SÚA FAMILIA DE ORIXE

Como regra xeral, que loxicamente hai que valorar para cada caso concreto e pode ter excepcións, a separación da familia de orixe é temporal, e polo tanto débese traballar para que o antes posible o neno ou nena volte con ela. Para iso establécense visitas, contactos, ou incluso períodos de convivencia cos pais biolóxicos, para preservar as relacións familiares e valorar as posibilidades de retorno, cando se considera que as circunstancias que deron lugar á separación xa foron superadas. 

Do plan de visitas establecido informarase convenientemente á familia acolledora, que ten a obriga de facilitar os contactos e visitas entre o menor e familia de orixe.

É moi importante que a familia acolledora asuma e colabore con este plan de visitas na medida do posible, o que contribuirá a que o neno ou nena entenda e asuma a súa situación con normalidade.

Como se constitúe un acollemento?

O primeiro paso é contar coa familia axeitada para as necesidades do menor ou menores concretos que precisan unha familia. 

Como primeira medida, acódese á familia extensa: avós, tíos, ou incluso outras persoas que sen ser parentes teñen co menor unha relación de proximidade. Se ningunha destas persoas pode ou está en condicións de facerse cargo do/s neno/s ou nena/s, acódese ao banco de familias alleas, previamente seleccionadas pola Cruz Vermella, e elíxese entre elas aquela que mellor se axuste ao perfil e necesidades do menor.

O acollemento tanto en familia extensa como allea formalízase por escrito, mediante un contrato no que se reflicten as responsabilidades de cada unha das partes, isto é, da familia acolledora e da Consellería.

O acollemento require o consentimento dos acolledores e da persoa menor acollida se ten suficiente madurez e, en todo caso, se fose maior de 12 anos.

Tipos de acollemento

A lexislación vixente, logo da recente modificación operada no ano 2015 sobre o sistema de protección á infancia e á adolescencia (Lei orgánica 8/20015, do 22 de xullo, e Lei 26/20015, do 28 de xullo) establece os seguintes tipos de acollemento familiar:

  • Temporal. Ten carácter transitorio, ben porque se prevé a reintegración do menor coa súa propia familia a curto prazo, ou ben porque se está a estudar unha medida de protección de carácter máis estable. A súa duración máxima é de dous anos, agás que o interese superior do menor aconselle a prórroga da medida. 
  • De urxencia. Principalmente para menores de seis anos, en tanto se decide a medida de protección que corresponda (a nena ou o neno tivo que ser separado de forma urxente da súa familia, pero aínda non existe unha valoración que permita establecer o plan de traballo).
  • Permanente. Ofrece ao neno ou nena unha vida familiar estable, durante o tempo que sexa preciso, cando a idade do menor ou outras das súas circunstancias ou da súa familia así o aconsellen. É un acollemento, en xeral, de maior duración que, en moitos casos, se prolonga ata a maioría de idade do neno ou nena.

Por outra parte, en función do tipo de convivencia entre o menor e os acolledores, o acollemento pode ser:

  • De convivencia plena. Os acolledores ocúpanse as 24 horas do día os 7 días da semana da persoa menor acollida.
  • De fin de semana e/ou vacacións. Desenvólvese durante os fins de semana e os períodos vacacionais. O resto do ano, o menor está coa súa propia familia ou nun centro residencial. 
  • De día/noite. O acollemento ten lugar durante o día, regresando o ou a menor coa súa familia de orixe pola noite, ou viceversa.
Que principios ou criterios sigue a administración para constituir un acollemento familiar?
  • Dá prioridade á utilización do acollemento familiar sobre o residencial. Se ben en algúns casos ou circunstancias o acollemento residencial é mais axeitado, en xeral se considera que a familia é o medio natural para o crecemento e o benestar dos nenos.
  • Evita, na medida do posible, a separación de irmáns procurando que sexan acollidos por unha mesma familia.
  • Favorece a permanencia do neno ou adolescente no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa sempre que sexa posible.
  • Fomenta as relacións entre o neno e a súa familia natural para posibilitar a súa reintegración a esta.
  • Mantén a medida polo tempo estritamente necesario.
  • Fomenta a integración do neno ou nena na contorna social e a asistencia aos sistemas educativos, sanitarios e laborais da súa comunidade.
Apoios cos que contan as familias acolledoras

COMPENSACIÓN ECONÓMICA 

Na maioría dos casos as familias reciben unha compensación económica da Administración polo acollemento. 

No caso das familias extensas, o Equipo Técnico do Menor fai unha valoración da situación da familia para determinar se é preciso dotarlle dunha axuda económica. Nesta valoración terase en conta os ingresos íntegros da unidade familiar, o número das persoas que conviven no domicilio e o número e características dos menores a acoller.   

No caso das familias alleas, dado que carecen de calquera relación ou vinculación co neno, nena ou adolescente a acoller, abóaselle sempre unha cantidade mensual, para compensar os gastos básicos que o acollemento lles ocasiona.

As contías establécense en función da idade do menor acollido:

  MES
< 1 ANO 600 €
1-3 ANOS 800 €
3-18 ANOS 280 €

Ademais, se o menor ten algunha enfermidade, discapacidade ou necesidade especial que requira coidados ou atencións especiais, poderá acordarse unha remuneración máis elevada, que se fixa caso a caso.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017 incrementase despois de varios anos a partida para as familias acolledoras, cunha subida do 9% ata chegar aos 2.400.000 euros, como mostra do compromiso da Xunta de Galicia co dereito de todo menor a ter unha familia.
No mes de abril do 2017 incrementouse a remuneración dos acollementos dos menores na franxa de idade máis numerosa (3-18 anos) pasando de 240 a 280 euros. Actualmente hai ao redor de 1.207 nenos e nenas acollidos nesa tramo de idade. 
Nesta mesma liña, no 2018 mantense a liña de reforzo da partida destinada ao acollemento familiar cun novo incremento dun millón de euros, chegando aos 3.400.000 euros (incremento do 42 %). Ademais en 2018 mellórase o sistema de pagamento co obxectivo de que a familia extensa perciba unha axuda en todos os casos nos que os seus ingresos per cápita sexan inferiores a 7.500 euros. Esta medida beneficiou ao 95 % das familias acolledoras.

Así mesmo, é intención da Consellería impulsar un tratamento homoxéneo das compensacións económicas por acollemento das distintas comunidades autónomas para a súa consideración como rendas exentas no cómputo de ingresos da unidade de convivencia, aos efectos da percepción de determinadas prestacións sociais e económicas. Neste sentido, xa se elevou ao Ministerio competente na materia a petición de considerar compatible a remuneración por acollemento coas pensións mínimas de supervivencia. 

Pola súa parte, a Consellería xa eliminou a incompatibilidade da percepción da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) co remuneración por acollemento.

APOIO TÉCNICO

As familias acolledoras contan co apoio técnico e acompañamento dos Equipos Técnicos do Menor das Xefaturas Territoriais da Consellería de Política Social durante todo o tempo que dure o proceso de acollida. Ademais, no caso de familias alleas, contan co apoio dos equipos especializados da Cruz Vermella, e, no caso de familia extensa, dos equipos especializados de Aldeas Infantiles.

PROGRAMA DE ACOLLEMENTO FAMILIAR 

Unha das modalidades de acollemento familiar é o acollemento en familia allea, no que familias sen relación de parentesco cos nenos ofrécense como acolledoras. 

Neste fórmula enmárcase o Programa de Acollemento Familiar, que a Consellería de Política Social desenvolve en colaboración con Cruz Vermella dende o ano 1995. 

Cruz Vermella executa o programa de acollemento familiar en familia allea, realizando accións de difusión, selección das familias que poden acoller e ofréndolles formación, apoio e asesoramento tanto previamente como durante todo o tempo que dure o acollemento. 

Neste sentido, capta, selecciona, forma e presta asesoramento e atención continuada ás familias participantes no programa; realiza un seguimento periódico das familias pertencentes ao programa en espera de acoller, co obxecto de verificar a súa permanencia nel e a súa situación persoal, socioeconómica e familiar, así como as características das persoas menores susceptibles de ser acollidas; realiza un plan de acoplamento individualizado para cada menor que vaia ser acollido, un seguimento periódico ao longo do proceso de acollemento e propón aos equipos técnicos a súa finalización.

Os beneficiarios do programa son aqueles menores de 0 a 17 anos en situación de risco ou desamparo para os que a medida de acollemento familiar en familia allea se estime como a máis axeitada, coa expectativa da posible volta a súa familia de orixe, nos casos nos que sexa posible.

Os obxectivos específicos son: 

  • Proporcionarlle ao neno, nena ou adolescente un ambiente normalizado axeitado para a súa idade e momento evolutivo.
  • Promover o cambio da situación da súa familia de orixe, co obxecto de que o menor poida volver con ela, se é o caso, o máis axiña posible.
  • Lograr que a familia acolledora lle preste unha adecuada atención ao menor.
  • Potenciar a relación da familia de orixe e a de acollida para favorecer a futura reintegración familiar do neno, nena ou adolescente. 
  • Acadar o axeitado desenvolvemento do menor nos ámbitos hixiénico-sanitario, educativo, persoal e social.

No 2016 o banco de familias acolledoras está formado por un total de 286 familias e o 2017 cerrouse con máis de 300 familias.

As persoas beneficiarias (menores e familias) do programa de acollemento familiar no período 2012-2018 foron as seguintes:

    2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019
Benificiarios do programa Familias 158 167 159 178 193 203 210 209
Menores 233 231 213 221 252 270 281 262

 

  2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019
Orzamento 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 463.866

 

PROGRAMA DE APOIO AO ACOLLEMENTO EN FAMILIA EXTENSA

A Xunta de Galicia detectou a necesidade de reforzar a atención ás familias extensas que acollen a un menor, que precisan apoios, recursos e intervencións na súa función de proporcionar seguridade, afianzar o benestar, encher as necesidades que poidan xurdir e manexar os contactos e a vinculación cos proxenitores.

Para tal fin, puxo en marcha no ano 2013, en colaboración con Aldeas Infantiles, o Programa de Apoio ao Acollemento en Familia extensa. 

A través deste programa facilítase apoio aos procesos de acollemento familiar de menores por membros da súa propia familia, proporcionando unha atención especializada adaptada ás necesidades dos acollidos, dos acolledores e aos proxenitores, ademais de apoiar educativamente ás familias e aos menores no desenvolvemento de habilidades dende o ámbito cognitivo, actitudinal e emocional para afrontar de forma competente o acollemento.

Deste xeito apóstase pola primacía deste tipo de acollemento e potenciase o apoio ás familias que requiren de formación e acompañamento para desenvolver con éxito un labor fundamental na protección dos menores do seu entorno familiar.

Este programa esta estruturado en dous servizos que responden ás necesidades do menor, da familia de acollida e dos proxenitores ao longo do proceso de acollemento:

  • Servizo de apoio especializado: proporciona atención especializada ás necesidades dos acollidos, das familias acolledoras e dos proxenitores por medio de actuacións de asesoramento e orientación, intervención psicosocioeducativa e actuacións de mediación nas relacións familiares.
  • Servizo de formación: como complemento do programa establécense unhas sesións informativas iniciais que darán cobertura a todos os novos acollementos formalizados a nivel autonómico nas diferentes Xefaturas Territoriais da Consellería de 12 horas de duración e de carácter obrigatorio. Van dirixidas aos membros das familias acolledoras como paso previo ao inicio de calquera acollemento co fin de aportar a información e os coñecementos necesarios sobre o proceso de acollemento, dotar ás familias das ferramentas necesarias para conformar un novo sistema de relacións sólido e estable, baseado nas fortalezas e puntos fortes de cada un dos seus participantes, que permite cubrir as necesidades materiais, afectivas e asistenciais dos menores acollidos.

Desde o ano 2010 Aldeas Infantiles desenvolvía un programa de apoio á familias acolledoras extensas na provincia de Pontevedra. En 2013 a Xunta de Galicia asinou un convenio de colaboración con esta entidade para o financiamento deste programa por un importe de 30.000 euros. O éxito da intervención realizada fixo conveniente a súa ampliación a toda a comunidade autónoma incrementando no 2014 o orzamento destinado a esta actuación ata os 107.140,75 euros e en 2015 ata 151.679,00 euros.

En 2017 o programa refórzouse cun equipo máis en Santiago de Compostela. Ata este ano existían dous ámbitos de actuación (Zona norte con sede na Coruña e zona sur con sede en Vigo). A ampliación dun equipo implicou a atención a un maior número de casos, que pasou de 80 a 100. 

Os datos obtidos nestes anos de traballo reflicten por un lado unha realidade tanxible de problemas nos acollementos con familia extensa, e por outra parte avalan a utilidade que reporta o programa en canto á diminución do estrés familiar e a súa clara repercusión no benestar do menor.

 

  2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019
Orzamento 30.000,00 107.140,75 151.679,00 151.679,00 173.353,44 173.353,44 173.353,44

 

  2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019
Beneficiarios do programa 16 56 86 80 100 100 100

 

OUTROS BENEFICIOS

As familias acolledoras poden ser perceptoras doutros beneficios: 

  • Recoñecemento de familia de especial consideración. Co obxecto de dotar ás familias acolledoras dunha protección especial, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, dáselles o carácter de “familias de especial consideración”, que outorga ás familias acolledoras un trato preferente en determinados ámbitos (vivenda, educación, transporte, etc) en función da normativa específica de cada un destes sectores. 
  • Familia numerosa. Os menores en acollemento permanente teñen a consideración de fillos, para os efectos da obtención da condición de familia numerosa. 
  • Axuda económica por fillo menor de 3 anos. Os menores acollidos de entre 0-3 anos, independentemente da modalidade de acollemento (temporal ou permanente) dan dereito, sempre que se cumpran as demais condicións da convocatoria, á percepción da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos, da Consellería de Política Social. 
  • Exención de pagamento en escolas infantís. As familias que acollen menores en situación de tutela ou garda gozan de exención total de pagamento por acceso ás escolas infantís 0-3 dependentes da Administración autonómica. 

Ademais, teñen a posibilidade de acceder a unha praza nas ditas escolas en calquera momento do curso, se o acollemento se inicia con posterioridade ao peche do prazo de solicitude.

  • Reserva dunha quenda nas Residencias de Tempo Libre. Ás familias de acollida resérvaselles a segunda quenda do mes de xullo para o goce das estadías de verán nas dúas Residencia de Tempo Libre adscritas á Consellería de Política Social, Panxón e Carballiño. Non obstante, as familias acolledoras poderán solicitar praza en calquera das quendas de verán ofertadas a través a orde anual pola que se convoca o procedemento de adxudicación das ditas estadías. 
  • Gastos extraordinarios. A Consellería de Política Social asume directamente aqueles servizos adicionais que necesiten as persoas menores, que se entenden que exceden do seu coidado ordinario e que non estean cubertos polo sistema público xeral (atención profesional especializadas –logopedia, psicoterapia, pedagoxía, enfermería, fisioterapia- atención óptica e odontolóxica, próteses, etc. 
  • Axudas para libros de texto. As persoas menores que se atopen en acollemento familiar, entre outros grupos, reciben a axuda máxima para a adquisición de libros correspondente á ensinanza obrigatoria e curso en que estean matriculados, con independencia do nivel de renda da familia acolledora. 
  • Comedor escolar. Os menores en acollemento familiar son usuarios gratuítos dos comedores escolares dependentes da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mentres cursen a ensinanza básica e o segundo ciclo de educación infantil. 
  • Prestación por maternidade/paternidade. Os menores en acollemento familiar de duración superior ao ano dan dereito á prestación por maternidade/paternidade da Seguridade Social.

 

Accións de difusión

En Galicia, cada ano, unhas 150 familias alleas acollen a menores. Periodicamente, realízanse campañas para lograr aumentar este número, aínda insuficiente. É preciso facer un esforzo entre todos os axentes implicados para contribuír á difusión deste programa. Moitos nenos, nenas e adolescentes poderían así evitar a súa institucionalización nun centro de menores. 

Cruz Vermella, en virtude do convenio de colaboración asinado coa Conselllería realiza accións de sensibilización e difusión do acollemento do acollemento familiar e a captación de familias. 

Tamén a Consellería de Política Social realiza campañas de sensibilización social destinadas á visibilización positiva do acollemento familiar e á implicación das familias galegas con este. 

Así, en 2014 a Consellería desenvolveu unha acción divulgativa do acollemento familiar co deseño e edición do conto “Os Bolechas aumentan a familia”, cunha tirada inicial de 5.000 exemplares, que se distribuíron en todos os centros educativos, bibliotecas, centros de menores e asociacións que traballan coa infancia. Neste momento se está a incluír nas Caixas Benvida.

As accións de difusión desenvolvidas nos últimos catro anos por Cruz Vermella de Galicia en execución do convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia, foron: 

  • Desenvolvemento da Campaña Abre outra porta no teu corazón para impulsar o Programa de Familias Acolledoras da Xunta de Galicia, co obxectivo de aumentar o número de acolledores na rede de familias e difundir a medida de  acollemento familiar entre a poboación.
  • Percorréronse rúas e prazas de localidades galegas co Tur Lolo, con mesas informativas e actividades en centros escolares, puntos de lectura e centros comerciais. Nestas accións de difusión empregáronse carteis e distribuíronse folletos e contos de “O corazón de Lolo”.
  • Empregáronse as redes sociais de Cruz Vermella (facebook e twitter) para periodicamente comunicar diferentes aspectos do programa (formación para acolledores, encontro de familias acolledoras, actividades de rúa…).
  • Distribución entre as bibliotecas das tres universidades galegas de exemplares dos libros de Cruz Roja Española: Manual de buena práctica en acogimiento familiar y El acogimiento en familia ajena: Bases conceptuales y metodológicas para la toma de decisiones.
  • Presenza permanente nos medios de comunicación, cunha media de máis de 100 aparicións en prensa, radio e televisión. 
  • Distribución de calendarios de mesa, carteis e folletos con mensaxes de sensibilización do acollemento familiar.
  • En 2013 levouse a cabo a renovación do espazo web: www.acollementofamiliar.org co obxectivo de ofrecer unha imaxe máis actual e cunhas prestacións que faciliten a transmisión de información básica e incorpore as redes sociais e un espazo propio para as familias que forman parte da Rede de acolledores de Cruz Vermella en Galicia.
  • Celebración de reunións cos traballadores sociais de concellos e hospitais, deputacións, alcaldes, AMPAS... 
  • Participación en xornadas, mesas redondas, actos de difusión..., organizadas polos concellos.
  • Difusión de material divulgativo en centros de traballo e medios de transporte, a través de convenios con empresas.
  • Participación na Campaña “Os Bolechas, familia acolledora” accións de difusión con esta   coñecida “familia” de debuxos animados, que fixo un percorrido por 8 localidades galegas realizando actividades infantís dende un chamativo autobús, con tenda exterior e vehículo de apoio, monitores...
  • Campañas de difusión Acollemento Familiar: En familia, por dereito, baseada nas experiencias de 6 familias e 2 persoas que durante a súa adolescencia estiveron acollidas e ¿Queres coñecer cómo podes apoiar o acollemento familiar desde o teu posto de traballo? dirixida aos profesionais dos servizos das Administracións Públicas e outros operadores sociais.
  • Exposición itinerante Acollemento Familiar: En familia, por dereito., dende o 09/01/2018 na Delegación Territorial da Coruña.
  • Presentación e difusión do xogo app “Acolles”.
  • Realización de envíos de emailings e accións de difusión na rúa en diferentes localidades con motivo da celebración do día das Familias (15 de maio) e dos Dereitos do Neno (20 de novembro).
Investimento da consellería de política social en acollemento familiar
  2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019
Compensación directa ás familias acolledoras1 3.123.592 2.971.444,30 2.945.314 2.925.9990 2.945.872 3.508.000 3.427.809,22  
Convenio Cruz Vermella 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 300.000 463.866,00
Convenio Aldeas Infantiles   30.000(6 meses) 107.140,75 151.679,00 151.679,00 173.353,44 173.353,44 173.353,44
Gastos 33.241,37 11.953,64 7.457,17 33.666,75 30.525,93 36.587 130.584  

 

1 A cantidade destinada á retribución das familias acolledoras, non existe unha dotación fixa e limitada, senón que se liberan os fondos en función dos acollementos efectivamente aprobados e vixentes en cada momento. Por iso, a diminución das contías non significa que quedasen familias sen atender, senón que o número de familias acolledoras foi menor.

Menores estranxeiros non acompañados

A nosa Comunidade Autónoma vive tamén o repunte na chegada de menores estranxeiros non acompañados (en adiante MENAS), aínda que en menor medida que outros territorios e, en ningún caso, estamos ante supostos nos que estes menores teñan que permanecer en condicións non dignas. Ao contrario, a chegada esta sendo asumida pola rede de centros de protección e polos técnicos de menores con total igualdade e implicación que o resto de situacións de desprotección.

A abordaxe dos casos de Menores Estranxeiros non Acompañados nos equipos técnicos de menores realízase tendo en conta en todos os casos a especialidade e especial vulnerabilidade destas situacións.

Por isto, desde protección de menores, o primeiro que procede, é xestionar o ingreso do menor no centro e con esa mesma data asumir a garda provisional (xa que habitualmente os casos son trasladados desde instancias policiais en horarios que se consideran de urxencias).

Posteriormente, unha vez realizada a proba de idade do menor e sinalada a idade a través do Decreto de Fiscalía, asúmese a tutela se, efectivamente, se constata a minoría de idade.

Unha vez asumida a medida de protección inícianse os distintos trámites e intervencións co menor que adoitan incluír:

- Entrevista no servizo de protección asistido de tradutor que serve para que o ETM fágase unha composición sobre a situación familiar no pais de orixe ou as expectativas que ten sobre o futuro...

- Tramitación da documentación. Algúns chegan con documentación en regra (os menos) nese caso non é necesario realizar estas xestións, se non, é necesario tramitarlle o permiso de residencia que ten certa complicación e pasa por unha cédula temporal. Tamén se xestiona a tarxeta sanitaria.

- Formación no idioma, como paso previo a calquera formulación do caso, establéceselles un apoio formativo para o idioma.

- A partir de aquí trabállase con eles como con calquera menor do sistema de protección, coa peculiaridade de que como en case todos os supostos a chegada destes menores esta acompañada dunhas expectativas de traballo, intégranse no programa MENTOR ou se busca posible formación para a inserción laboral. Este traballo de inserción socio laboral comprende dende os 16 anos e pode alongarse ata os 25 nos casos en que sexa preciso para completar a formación que garanta a plena inserción.

Na actualidade temos 169 MENAS en acollemento residencial nos distintos centros da rede de protección da nosa Comunidade Autónoma.

A partir da colaboración e coordinación entre o Estado e as Comunidades Autónomas articulouse un procedemento para exercer a solidariedade interterritorial e complementar a outras Comunidades Autónomas que están sobrecargadas pola chegada de MENAS ao seu territorio.

Dentro das posibilidades da nosa estrutura, o Real Decreto 1340/2018, do 29 de outubro, polo que se aproban as normas especiais reguladoras das subvencións que se outorgarán en réxime de concesión directa ás comunidades autónomas e Cidades de Ceuta e Melilla para a atención aos menores estranxeiros non acompañados acollidos no ano 2018, establece no seu Anexo a posibilidade de que Galicia asuma a chegada de 25 MENAS

En todo caso a chegada destes menores contará con todas as garantías de calidade no servizo e na intervención que se realice de xeito individualizado e que permita un correcto desenvolvemento integral da personalidade e do proxecto vital de cada menor.

Como en calquera dos casos de protección de menores, na decisión do recurso máis adecuado para realizar o acollemento destes menores realízase polos Equipos Técnicos de Menores e, cando é posible (polas características destes mozos e pola dispoñibilidade de familias) realízase o acollemento familiar como primeira opción dentro do sistema.

 

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2019