Igualdade: axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020

02/07/2021
Compartir

Obxecto: Convocar as axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución.

Accións subvencionables

A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada ou porcentaxe equivalente para o caso de que a xornada sexa a tempo parcial.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

  • No caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
  • No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos e sexa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, segundo o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e a disposición derradeira terceira da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que se refire á Modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia, no seu punto 2, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

  • Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
  • As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
  • As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

2. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

  • Estaren empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2020 e manteren esta condición durante todo o período subvencionable.
  • Conviviren coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.
  • No caso de familias non monoparentais, a persoa cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, existindo períodos non traballados, a suma destes non supere 30 días naturais dentro do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria pola COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo dos períodos non traballados non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.
  • Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2020.
  • Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

Contía das axudas

1. A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

  • Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.
  • Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.
  • Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

  • Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.
  • Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.
  • Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

  • Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.
  • Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.
  • Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

2. Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, incluídos aqueles polos cales se solicita a redución de xornada.

3. A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

 

Data inicio solicitude
03/07/2021
Data fin solicitude
02/08/2021