Emprego e Igualdade: axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro

19/08/2021
Compartir

Obxecto: Convocar, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero desempregadas para a realización de servizos de interese xeral e social, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

Requisitos dos servizos que se vaian prestar

Os servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser de interese xeral e social, e deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Seren prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
  • Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesionais das persoas desempregadas que se vaian contratar.
  • Que se presten ou se executen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non supere os nove meses desde a súa data de inicio, cando a xornada sexa a tempo completo. En caso de contratacións a tempo parcial, do 50 % ou do 75 %, esta duración máxima poderá estenderse ata os doce meses. As subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero terán sempre unha duración de doce meses, que deberá iniciarse dentro do exercicio 2021.
  • En todo caso, as entidades beneficiarias deberán acreditar que as persoas contratadas no marco deste réxime de axudas non están afectas ao desenvolvemento dunha actividade económica conforme o establecido pola xurisprudencia comunitaria.
  • Os contratos subvencionados por esta orde serán incompatibles co exercicio de funcións directivas na entidade beneficiaria.

Considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se son promovidos por entidades que cumpran, como mínimo, unha das seguintes condicións:

  • Prestar servizos a entidades prestadoras de servizos sociais, no ámbito autonómico.
  • Prestar servizos a colectivos de máis dunha área de actuación (RUEPSS), no ámbito autonómico.
  • Prestar servizos a persoas con discapacidade, inclusión, en risco de exclusión social, comunidade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, e ter 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal.

Entidades beneficiarias. Requisitos

Poderán ser beneficiarias destas axudas e subvencións, as entidades sen ánimo de lucro que, na data de publicación da convocatoria, estean inscritas na categoría de iniciativa social do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS), cuxa actividade principal estea dirixida a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, de conformidade coas áreas de actuación recollidas no RUEPSS (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán dispor dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.

 Persoas traballadoras. Colectivos prioritarios.

As persoas traballadoras que sexan contratadas para a realización dos proxectos polos cales se outorgue a subvención deberán ser, en todo caso, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego

Terán preferencia, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como:

  • Mulleres, en especial as mulleres vítimas de violencia de xénero.
  • Menores de 30 anos.
  • Persoas en paro de longa duración.
  • Persoas con discapacidade.
  • Persoas desempregadas maiores de 45 anos.
  • Integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Excepcionalmente poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar mulleres vítimas de violencia e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social. Esta condición acreditarase mediante certificacións ou informes dos/das traballadores/as sociais. As persoas seleccionadas por este procedemento deberán cumprir os requisitos establecidos.

Data inicio solicitude
20/08/2021
Data fin solicitude
20/09/2021