Cultura, Educación e Universidade: axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios

26/08/2021
Compartir

Obxecto: Convocar axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten os niveis de ensino básico obrigatorio e/ou segundo ciclo de educación infantil.

As axudas económicas irán destinadas a sufragar as seguintes actuacións:

Actuación 1. Axudas destinadas á xestión do servizo de comedor escolar.

Esta actuación abarca os seguintes conceptos subvencionables:

  • O custo diario do menú por comensal e polos días da súa asistencia ao comedor entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor, así como todos aqueles gastos que deriven da prestación do servizo de xantar aos usuarios/as, incluídos os gastos de mantemento, persoal e limpeza. En ningún caso se subvencionarán os almorzos ou merendas que se ofrezan nos servizos de comedor.
  • Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

Actuación 2. Axudas destinadas a sufragar os gastos relacionados coa COVID-19.

  • Esta actuación abarca os gastos dirixidos á protección das persoas usuarias do comedor escolar xestionado pola ANPA con motivo da COVID-19: máscaras, anteparos, material de desinfección, xel hidroalcólico e similares.

Beneficiarias das axudas

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos correspondentes.

Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, entre outras, por algunha destas formas que a seguir se enumeran:

  • Mediante a contratación laboral de persoal, de forma que se xestione directamente a prestación do servizo.
  • Mediante a contratación de entidades ou empresas especializadas para a prestación do servizo segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións axeitadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar noutros locais públicos ou hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

  • Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara aos ditos locais.
  • Que o local onde se prestou o servizo de comedor escolar fose o mesmo durante todo o curso académico 2020/21.
  • Que o prezo diario dos menús servidos nos locais non supere os 6 euros por comensal, incluído o IVE.

De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, todo o persoal que con motivo da actividade subvencionada teña contacto habitual cos nenos e nenas usuarios do servizo de comedor, tanto sexa directamente contratado pola entidade como de empresas externas, deberá acreditar non ter sido condenado por sentenza firme por delito ningún contra a liberdade e indemnidade sexual mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

Data inicio solicitude
27/08/2021
Data fin solicitude
27/09/2021