Política Social: subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión

17/09/2021
Compartir

Obxecto: Convocar subvencións para as corporacións locais, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais de titularidade municipal durante os exercicios 2021, 2022 e 2023, que teñan por finalidade a inclusión sociolaboral de colectivos de elevada vulnerabilidade á exclusión social e laboral.

Para os efectos da presente orde, terán a consideración de colectivos de elevada vulnerabilidade aqueles que cumpran o establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia e, particularmente, persoas pertencentes a colectivos con dificultades de integración social como a comunidade xitana, a poboación inmigrante residente en Galicia e as persoas sen fogar, cando se trate de participantes nos programas descritos no artigo 5.

Entidades beneficiarias:

As corporacións locais que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Aquelas corporacións locais solicitantes de subvencións para un programa en favor da poboación inmigrante deberán acreditar unha porcentaxe mínima de poboación inmigrante empadroada segundo as seguintes regras:

  • 1º. Concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante e un mínimo de 150 persoas inmigrantes empadroadas no concello. No caso de non cumprir a porcentaxe anterior, deberán ter polo menos 1.000 persoas estranxeiras empadroadas no municipio.
  • 2º. Consorcios locais, mancomunidades e agrupacións de concellos: superar o 2,5 % de poboación inmigrante o 50 % dos concellos que integran a entidade supralocal e ter unha media de 200 persoas inmigrantes empadroadas.

O cálculo da poboación inmigrante farase tendo en conta a poboación total e a poboación inmigrante empadroada no ano anterior ao da correspondente resolución desta convocatoria.

c) As corporacións locais solicitantes da subvención para un programa da tipoloxía recollida no artigo 4.1.c) dirixido ás persoas en situación ou risco de exclusión social non poderán dispoñer para o seu termo municipal doutros dispositivos de natureza pública distintos dos propios dirixidos ao desenvolvemento dun programa cuxo contido sexa a prestación do servizo de apoio á inclusión sociolaboral.

Persoas destinatarias das actuacións:

As perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social. Neste último suposto, a situación de exclusión social acreditarase mediante declaración responsable da entidade de que o beneficiario está nesta situación. Nos programas dirixidos a persoas sen fogar, na declaración responsable da entidade indicarase que o factor de exclusión social é ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda

No caso dos programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos á familias en situación ou risco de exclusión social, será requisito adicional que a unidade familiar destinataria do servizo teña valorada e prescrita a alta no programa por parte do persoal técnico dos servizos sociais comunitarios municipais, e figure no corresponde expediente social.

En relación ás persoas inmigrantes, deberán ser persoas en situación ou risco de exclusión ou nunha situación de vulnerabilidade derivada de súa situación de inmigrante e ter constancia da condición ou a súa orixe estranxeira. A situación de exclusión ou vulnerabilidade acreditarase mediante declaración responsable da entidade.

Tamén poderán ser beneficiarias aquelas persoas beneficiarias ou solicitantes de protección internacional que puidesen chegar á Comunidade Autónoma de Galicia.

Con carácter xeral é incompatible a participación dunha persoa nun programa de apoio á inclusión sociolaboral coa participación no mesmo período que se subvenciona noutro programa de apoio á inclusión sociolaboral de similar contido, realizado noutro dispositivo público ou privado de inclusión social financiado por fondos públicos.

Accións subvencionables:

1. Serán subvencionables os programas dirixidos á inclusión sociolaboral de colectivos vulnerables que a seguir se enumeran:

  • a) Programas dirixidos á inclusión social da poboación xitana.
  • b) Programas dirixidos á inclusión social da poboación inmigrante.
  • c) Programas dirixidos á inclusión social de persoas en situación ou risco de exclusión social.
  • d) Programas específicos dirixidos a persoas sen fogar.

2. Así mesmo, serán subvencionables os programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos a familias en situación ou risco de exclusión social.

3. Todas as accións que presenten as entidades solicitantes serán deseñadas, desenvoltas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e se terán en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres ás que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller.

Prestacións subvencionables dos programas e servizos de inclusión

- En todos os programas enumerados no artigo 4.1 poderán subvencionarse as prestacións e servizos incluídos na Carteira de servizos sociais de inclusión aprobada polo Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, que se relacionan a seguir:

  • Prestacións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral
  • Excepcionalmente poderanse subvencionar fóra do servizo de apoio á inclusión sociolaboral as accións de formación adaptada cando desenvolvan contidos relacionados coas medidas comprendidas nas prioridades transversais da anterior Estratexia de inclusión social de Galicia, nas cales se inclúe a formación en alfabetización de coñecementos básicos dixitais, a formación en competencias clave e a preparación para as probas para adquisición do título de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Educación Secundaria para Adultos (ESA).

- Ademais das prestacións comúns a todos os grupos antes indicadas, poderán subvencionarse as seguintes prestacións específicas aos seguintes colectivos vulnerables:

  • Para a poboación xitana subvencionaranse como módulo independente en calquera das súas seccións a prestación de mediación social e/ou intercultural. Esta prestación deberá ser levada a cabo por persoal especializado en distintos ámbitos como sanidade, educación ou vivenda, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas coas que se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade a comunicación, o entendemento e a transformación das relacións entre as persoas e grupos sociais culturalmente diferenciados, así como previr e solucionar conflitos e/ou construír unha nova realidade social compartida. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 % do importe da axuda concedida para esta actuación.
  • Para a poboación inmigrante, subvencionaranse os seguintes servizos:
  1. O servizo de promoción da participación social, que está dirixido á adquisición de habilidades lingüísticas e ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida; inclúe a prestación obrigatoria da sección de inmersión lingüística relativa ás accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia, e a prestación obrigatoria da sección de integración sociocultural relativa ás accións formativas dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida.
  2. Prestacións de asesoramento técnico especializado en materias propias de estranxeiría, nas cales se enmarcan accións como a información, asesoramento e apoio nos trámites precisos para as autorizacións e renovacións de residencia, homologación de títulos, reagrupamentos familiares, nacionalidade e outras cuestións relacionadas coa normativa española en materia de estranxeiría.
  3. Como módulo independente en calquera das súas seccións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, subvencionarase a prestación de mediación social e/ou intercultural co mesmo alcance e contido que no número 2.a) para a poboación xitana.
  • Para as persoas sen fogar, subvencionaranse como módulo independente en calquera das súas seccións do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, a prestación de mediación social e/ou intercultural co mesmo alcance e contido que no número 2.a) para a poboación xitana.

- Terán a consideración de programas complementarios de educación e apoio familiar dirixidos a familias en situación ou risco de exclusión social aqueles que conteñan actuacións complementarias da intervención social individual expresamente incluídas no seu proxecto de inclusión, que teñen por obxecto promover a adquisición, por parte das familias, de competencias e habilidades para o correcto desenvolvemento das súas funcións parentais e educativas e aqueles outros obxectivos establecidos no artigo 19 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Data inicio solicitude
18/09/2021
Data fin solicitude
18/10/2021