Política Social: subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado por esta consellería.

22/09/2021
Compartir

Obxecto: A convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).

O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a seguir, segundo a tipoloxía de cada programa:

  • Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
  • Liña II. Actuacións de inclusión social.
  • Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou con discapacidade.
  • Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou con discapacidade.
  • Liña V. Actuacións destinadas á xuventude.
  • Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado.

 Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumpriren os requisitos específicos establecidos no anexo I da orde para cada liña subvencionada, se é o caso:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

A/as entidade/s solicitantes de programas das liñas I, II, III e IV deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social.

A/as entidade/s solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Política Social, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre os seus fins inclúan actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.

A/as entidade/s solicitantes de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Política Social.

O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Figurar nos estatutos da entidade solicitante que os seus fins institucionais corresponden á realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas para os cales solicita a subvención.

e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materias necesarios para iso mediante declaración responsable do representante legal.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades que a integran. No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente que se extinguen, entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade que se extingue.

Data inicio solicitude
23/09/2021
Data fin solicitude
22/10/2021