Política Social: axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declarados/as en situación de garda con fins adoptivos no ano 2022

11/01/2022
Compartir

Obxecto: Convocar axuda económica para as familias que no ano 2022 teñan un/unha fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda dun/dunha neno/a con fins adoptivos e para aqueloutras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2020 e 2021, experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas nesta convocatoria.

A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

  • Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.
  • Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2022.

3. Igualmente, aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2020 e 2021 e non accedesen á axuda no segundo ano de vida e ata o que o neno faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2022 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos recollidos na convocatoria, e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas nos termos establecidos no apartado anterior.

Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes. No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes. Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

  • Ano 2022: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.
  • Ano 2023: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € terán dereito a axuda no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos nas seguintes contías:

  • 600 €/ano, a razón de 50 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.
  • 1.200 €/ano, a razón de 100 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.
  • 2.400 €/ano a razón de 200 €/mes, se o/a fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Estas contías faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

3. As contías previstas nos números 1 e 2 incrementaranse un 25 % no suposto de residencia en concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes segundo os últimos datos oficiais de poboación de carácter definitivo publicados polo Instituto Galego de Estatística.

4. Excepcionalmente, a axuda poderá percibirse ata un ano máis sempre que a unidade familiar estea tecnicamente valorada en situación de especial vulnerabilidade, teñan un recurso do sistema público de protección social pendente de resolución e así o soliciten dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

  • Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.
  • Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía sexa superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.
  • Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.
  • Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2022 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Para ter dereito á axuda excepcional prevista no artigo 4.4, a unidade familiar debe estar en situación de especial vulnerabilidade tecnicamente valorada polo sistema público de servizos sociais de Galicia e ter un recurso do dito sistema público pendente de resolución.

4. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Todos os requisitos deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6. No suposto de ter concedida a tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda con fins adoptivos, non pode volver a solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2022 e sempre que o fillo ou filla nacese con anterioridade ao seu regreso, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación, estando a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3. Con carácter excepcional, aquelas solicitudes que se presenten e cuxo nacemento se produza entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2023 poderán ser tramitadas na seguinte convocatoria.

As familias que puidesen ser beneficiarias nos termos indicados no artigo 3.3 disporán dun prazo de dous meses desde o 1 de xaneiro de 2022 para esta finalidade, debendo presentar o anexo III, no caso de ter a axuda xeral ou o anexo I no suposto de non ter optado á axuda no ano de referencia por superar ingresos nesa anualidade.

No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4, a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo IV, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.

Data inicio solicitude
12/01/2022
Data fin solicitude
31/03/2023