Política Social: axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021

11/01/2022
Compartir

Obxecto: Convocar as axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas ás persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021, coa finalidade de dar continuidade a este recurso e seguir atendendo as necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas co financiamento dos gastos nos anos 2022, 2023 e 2024 (código de procedemento BS403G).

 Persoas beneficiarias

1. Poderán optar ás axudas, a través dunha prima, as persoas físicas titulares das casas niño que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia da seguinte maneira:

  • Para a subvención da anualidade 2022 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de agosto de 2019.
  • Para a subvención da anualidade 2023 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 30 de setembro de 2020.
  • Para a subvención da anualidade 2024 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021.

2. Poderán optar ás axudas de investimento, as persoas físicas titulares das casas niño que estean en funcionamento e manteñan a súa situación de alta fiscal e na Seguridade Social como persoas traballadoras por conta propia da seguinte maneira:

  • Para a subvención da anualidade 2022 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017.
  • Para a subvención da anualidade 2023 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de marzo e o 31 de xullo de 2018.
  • Para a subvención da anualidade 2024 poderán ser beneficiarias as persoas titulares de casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de abril e o 31 de agosto de 2019.

3. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Requisitos

Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

  • Que a persoa solicitante teña a súa residencia no concello onde está situada a casa niño.
  • Acreditar un correcto estado de saúde.
  • Atender un número mínimo de 2 nenos/as.
  • Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
  • Ter contratada unha póliza de seguro que cubra as continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes durante o desenvolvemento da actividade subvencionada.
  • Contar coa comunicación da Consellería de Política Social para ter iniciado a actividade da casa niño entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021.

Natureza e contía das axudas

1. Para a reposición do equipamento, material didáctico e/ou de xogo, destinarase unha subvención de 500,00 €.

2. Para a prestación dunha atención personalizada a nenos e nenas de 0-3 anos destinarase unha prima de 24.200,00 €/ano, se concorren as seguintes condicións:

  • A casa niño continuará ofrecendo unha atención integral e personalizada a nenos e nenas en idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, a cal comprenderá a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social. A este respecto, deseñarase e organizarase un ambiente que faga posible a construción das primeiras aprendizaxes de identidade e autonomía persoal, de relación co contorno e de comunicación social, sempre en estreita colaboración coas familias.
  • A atención prestarase con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres durante todo o ano agás os días festivos, o día 24 e 31 de decembro e un mes cada doce, en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
  • Salvo as excepcións contidas na letra anterior, a casa niño debe manterse en funcionamento ininterrompidamente durante todo o ano polo que é necesario contar cunha persoa que substitúa á persoa titular da casa niño no caso de enfermidade ou calquera outro motivo de ausencia temporal desta, agás causas imprevisibles e inevitables.
  • A atención prestada nas casas niño comprenderá o servizo de cociña, entendendo por este o quentamento de alimentos, a hixiene dos nenos e nenas e o desenvolvemento de actividades de tipo educativo, como obradoiros e xogos e acompañamento no xogo libre. En todo caso, serán achegados polas familias tanto o leite e alimentos xa cociñados como o material de hixiene tales como cueiros, toalliñas ou cremas.
  • As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/a persoa titular da casa niño que estea a desenvolver o proxecto. Tamén se pactará coas familias un mes ao ano en que a casa niño permanecerá pechada por vacacións.
  • Cada casa niño terá un máximo de cinco prazas. Para os efectos desta orde, as nenas e nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocuparán dúas prazas, e non poderá, en ningún caso, haber máis dun neno ou nena con estas necesidades por casa.

Os nenos e nenas que acudan á casa niño deberán estar en todo caso empadroados/as no concello en que esta se sitúe ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade ou, de existir, que os nenos/as estean en lista de espera e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.

No suposto de que haxa unha demanda de prazas superior ás que se ofertan, terán prioridade os fillos/as das titulares das casas niño, e, a seguir, se as houber, os fillos/as de mulleres vítimas de violencia de xénero empadroadas no concello en que se sitúe a casa niño ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade, a continuación as de irmáns/ás de nenos e nenas que xa están asistindo á casa niño e as de nenos e nenas empadroados/as no concello, por esta orde. De ser aínda necesario, aplicarase o baremo de acceso ás prazas coas puntuacións establecidas no anexo V.

Data inicio solicitude
12/01/2022
Data fin solicitude
11/02/2022