Economía, Empresa e Innovación: axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social

12/01/2022
Compartir

Obxecto: Convocar, para o ano 2022, as axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, na Comunidade Autónoma de Galicia.

 Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Os gastos subvencionables serán o 50 % do importe das facturas de electricidade (calculado segundo o establecido no artigo 12 do Real decreto 897/2017), correspondentes á vivenda habitual do solicitante acollido ao prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC) para consumidor vulnerable severo (bono social do 40 %), que estean pendentes de pagamento e emitidas entre os dous meses anteriores á data da solicitude e o 30 de novembro de 2022 por unha comercializadora de referencia (COR) que teña asinado un protocolo de colaboración coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para evitar os cortes de subministración.

2. A contía da subvención será unha cantidade fixa máxima por solicitante de 300 €/ano, ou de 450 €/ano no caso de familias numerosas, que se irá pagando segundo a comercializadora remita as correspondentes facturas á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do gasto subvencionable.

Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consumidor vulnerable severo en risco de exclusión social.

2. Terán esta consideración aquelas persoas que reúnan os requisitos para ser consumidor vulnerable severo establecidos no artigo 3 do Real decreto 897/2017, do 6 de outubro, polo que se regula a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica, cos límites de renda establecidos no punto 4 do citado artigo, e ademais estean en risco de exclusión social, debendo estar esta situación acreditada mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais correspondentes.

3. Os requisitos que deben cumprir as persoas beneficiarias da axuda son:

  • Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Ser o/a titular do contrato de subministración eléctrica.
  • Ter contratado o prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC) con aplicación do bono social de consumidor vulnerable severo (desconto do 40 %), para o que deberán cumprir os límites de renda establecidos.
  • Estar en risco de exclusión social, o que será acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.
  • Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

 

Data inicio solicitude
13/01/2022
Data fin solicitude
31/10/2022