Cultura, Educación e Universidade: cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga

Compartir

Obxecto: Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, presenciais e en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2021/22, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Os cursos impartiranse entre outubro de 2021 e maio de 2022, en horario de mañá ou de tarde.

Persoas beneficiarias dos cursos

Cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga:

  • Poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

Cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior:

  1. Os/as empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario. Deberá encontrarse en situación de servizo activo, permiso por parto ou maternidade, adopción ou acollemento, ou en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar.
  2. Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.

Inscrición

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación

O alumnado con necesidades educativas especiais indicará na súa solicitude a acreditación do seu grao de discapacidade. A EOI poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da xefatura territorial respectiva para que se determinen as adaptacións pertinentes.

      Prazo de solicitude

      • Desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2021, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro)
      • Desde o 4 ata o 14 de xaneiro de 2022, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

       

      Convocatoria