Cultura, Educación e Universidade: probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2021

Compartir

Obxecto: Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 2, 3 e 4 no ano 2021.

Persoas destinatarias: As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

Datas e localidades de realización das probas.

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar nos meses de novembro e/ou decembro de 2021, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permita.

As datas concretas serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.

Presentación de solicitudes e prazo.

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude e aboar a taxa correspondente (16,59 euros).

De acordo coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, logo da xustificación documental, estarán exentas do pagamento desta taxa.

As persoas interesadas deberán indicar nel a proba ou as probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de presentación de solicitudes: Ata o 4 de outubro de 2021 (15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG).

Solicitude e/ou tramitación en liña

Convocatoria