Vivenda: concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social durante o ano 2022.

Compartir

Obxecto e finalidade

Aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do programa do bono de alugueiro social.

Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do programa de bono de alugueiro social e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

 O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar ningunha solicitude.

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa de bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente á anualidade 2022.

2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiaria destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do programa do bono de alugueiro social cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Contía da axuda e duración

1. A contía da axuda será polo importe da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria non subvencionado no marco do programa do bono de alugueiro social. No caso de que tivesen recoñecida esta axuda no anos 2020 e/ou 2021, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2022 será a mesma que viñesen percibindo nos anos 2020 e/ou 2021.

2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coa axuda do programa do bono de alugueiro social, poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 6 da Orde do 18 de decembro de 2018.

3. A axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de maio de 2022, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso en que se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de maio de 2022.

Resolución do 28 de decembro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social durante o ano 2022.